14 DE ABRIL DE 2025
Fotos: Antonio Ben / RFEC
A Copa de España de Enduro 2025 chegou ao seu ecuador esta fin de semana coa disputa do V Enduro Monte Castelo Burela, unha das probas con máis personalidade de cantas se celebran desta especialidade a nivel estatal e que na súa estrea neste certame coroou como vencedores scratch ao naronés Marco Veiga (CiclosQuintena) e á asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike).
O Club Cerezo Bikes, organizador do evento, deseñou un atractivo trazado de 26 quilómetros e 1.450 metros de desnivel con cinco treitos cronometrados que fixeron as delicias dos participantes. En total, os riders galego colleitaron sete podios.
Marco Veiga fixo valer a súa condición de líder elite da Copa de España para impoñerse con contundencia, por 32 segundos, sobre o aragonés Juan Gabriel Torralba (OB Racing) e, por un segundo máis, ao valenciano Borja Pérez (Eagle Patrol). Na xeral do certame amplía a súa vantaxe a 70 puntos. O tudense David Fernández (Avanza-O Porriño) finalizou cuarto e o ferrolano Kevin Méndez (Rocasport Giant), sexto absoluto e quinto elite.
Pola súa banda, a sub-23 Cristina Menéndez foi a muller máis rápida en completar o percorrido, avantaxando en máis de 1 minuto á súa irmá Natalia Menéndez (Cuetos Bike) e en máis de 2 minutos á zamorana e gañadora elite Sara Yusto (Lácteas Cobreros). O cuarto posto ocupouno a líder elite, a aragonesa Marta Jordán. A arteixá Alba Arias (Ciclos Quintena) obtivo a quinta praza scratch e a terceira elite.
Ademais de Veiga e Arias, outros cinco especialistas da nosa comunidade pisaron o caixón. Leo Álvarez (Pulpeiros) clasificouse terceiro na categoría júnior; Mauro Fontán (Salvaterra de Miño), segundos nos máster-30, un posto por diante de Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko); Pedro Dapena (Ciclos Quintena), segundo nos máster-40; e Jose Misa (Raposo Fr), segundos nos máster-50. A un paso de meterse entre os tres primeiros sub-23 quedou André Martínez (Avanza-O Porriño) -cuarto- e no que respecta aos cadetes o mellor resultado galego acadouno Miguel Blanco (A Forna), noveno.
A Copa de España continuará o 27 de abril en Cuenca e regresará a Galicia para concluír coa súa quinta xornada puntuable, a Montefaro Enduro Race, o 25 de maio en Ares e Mugardos.
BTT
BTT
BTT
BTT
FORMACIÓN
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es