30 DE ABRIL DE 2025
Dezanove corredoras das categorías Infantil, Cadete e Júnior participaron o pasado domingo, 27 de abril, na Xornada de Tecnificación deseñada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) para as promesas do pelotón de Estrada feminino. Esta actividade formativa tivo como epicentro Ponteareas, a localidade pontevedresa berce de grandes campións do mundo da bicicleta e epicentro autonómico do noso deporte no que vai do 2025. A capital da comarca do Condado acolleu nos últimos meses o Campionato de Galicia de Ciclocrós, a Gala Ciclismo Galego e este vindeiro sábado será o escenario do Campionato de Galicia Máster de Contra o Reloxo Individual (CRI).
A casa consistorial de Ponteareas foi o punto de encontro co seleccionador Jacobo Ucha. Dende alí comezou a rodar un minipelotón con representación de oito clubs galegos. As corredoras acumularon quilómetros e consellos nun adestramento no que se tivo en conta que o día anterior competiran na apertura do calendario autonómico en Boiro.
Ao remate da sesión sobre o asfalto, as ciclistas compartiron mesa e mantel no xantar e pola tarde recibiron dúas charlas: a primeira impartiuna o psicológo deportivo Jorge Carril, responsable do gabinete Deportivamentes, e a xornada pechouna Jacobo Ucha explicando a planificación da temporada, que terá como unha das citas máis importantes para a Selección os Campionatos de España a finais de xuño e comezos de xullo.
A FCG desexa dar as grazas ao Concello de Ponteareas pola súa colaboración e especialmente a Nicolás Rodríguez, concelleiro de Deportes. Despois desta segunda Xornada de Tecnificación FCG de Estrada no 2025, a primeira celebrouse catro días antes en Padrón para elites e súb-23 masculinos, a seguinte cita formativa chegará o 11 de maio no municipio de Caldas de Reis e estará dedicada aos júniors. Con estas convivencias búscase crear vínculos, avaliar o nivel e formar a nivel técnico así como noutros aspectos (alimentación, mecánica, psicoloxía...).
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es