19 DE MAYO DE 2025
A Federación Ciclismo Galego trasladou esta fin de semana o seu traballo coa base ata Navarra. Alí disputou coa Selección de XCO da categoría Cadete o Superprestigio MTB no circuíto de Estella-Lizarra. O combinado dirixido por Alberto del Río abriu o seu calendario de competicións do 2025 participando con once promesas do noso Cross Country Olímpico neste prestixioso evento.
Esta experiencia formativa, que se suma ás Xornadas de Tecnificación celebradas xa esta temporada tanto para as rapazas como para os rapaces cadetes, permitiu ás corredoras e aos corredores da Selección de Breogán realizar un test de nivel pola calidade da participación e pola esixencia do trazado. Dous dos tres mellores resultados acadados por Galicia chegaron na proba feminina. Nerea Soto finalizou sexta e Iris Santana, oitava. Preto de meterse entre as dez mellores quedou Xiana Seijo -12ª- e Carla Hermida obtivo a 18ª praza.
O terceiro top-10 e a actuación máis sobranceira da nosa Selección correron a cargo de Guillermo García, cadete de primeiro ano. Concluíu cuarto, a medio minuto do terceiro clasificado. Nunha carreira con medio cento de inscritos, Aron Gómez rematou 14º, Lucas Lozano 21º, Pedro Cidrás 26º, José Manuel Pintos 38º e Alejandro Rodríguez 43º. Mateo Ledo viuse obrigado a abandonar.
O Superprestigio MTB é unha cita da Clase 1 no calendario da Unión Ciclista Internacional para as categorías Júnior e Elite-Sub23. Defendendo as cores do seu equipo, o Mondraker Factory, o carballiñés Alejandro García logrou o oitavo posto, e 14 puntos UCI, na competición raíña masculina.
Foto de Alejandro García: Superprestigio MTB
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es