04 DE ABRIL DE 2022
Fotos: Luz Iglesias
O certame con máis eventos do BTT galego xa está en marcha. A Copa Galicia XCO do 2022 arrancou este domingo co regreso ao calendario do Trofeo Cidade de Ferrol despois dunha paréntese de dous anos. O elite Saúl López (Academia Postal - Maceda) exerceu de favorito e liderou o 'dobrete' do seu equipo na carreira raíña masculina.
Á novena edición do evento de Cross Country Olímpico organizado polo Club Ciclista Ferrol acudiron 175 bikers. Na aldea de Brión, o circuíto presentou pequenas modificacións respecto ao trazado que no 2019 acollera por última vez esta cita. As corredoras e os corredores das once categorías que se puxeron en liza tiveron que xestionar a saída por unha pista estreita e unha primeira ascensión dura que estiraba os pelotóns. Unha vez superado o selectivo inicio, sucedíanse pequenas subidas e baixadas por sendeiros técnicos con moita pedra, o que non permitía levar un ritmo constante e onde o dominio da bicicleta tomaba unha maior importancia.
Vixente campión autonómico elite de XCO, o monfortino Saúl López asinou un solvente triunfo. Cun tempo de 1:19:24, venceu con 1:07 de vantaxe sobre o seu compañeiro de equipo Brais Sendín. Nun podio 100% de conxuntos ourensáns, Rubén Deaño (Ourense Termal) ocupou o terceiro chanzo. Jorge Punzón (Cosmos) e Xavier Meizoso (Narón) completaron o top-5 elite. Anxo Carril (Coruxo), primeiro sub23, cruzou a liña de meta na sexta posición.
As gañadoras e os gañadores nas outras nove categorías, e polo tanto primeiros líderes da Copa nos seus grupos de idade, foron: Lorena Patiño (Compostelano) e Alejandro García (Carballiño) en cadetes, Uxía Soto (Supermercados Froiz) e André Martínez (Avanza - O Porriño) en juniors, Andrea García (Academia Postal - Maceda) nas sub23, Manuel Ángel Parada (Xesteiras) nos máster-30, Silvia García (Bici Verde) e Marcos Mayo (BTT O Treito) en máster-40 e Manuel Castro (Toxo) nos máster-50.
O certame autonómico de XCO, que esta campaña consta de nove xornadas, continuará o vindeiro sábado na provincia da Coruña co V XCO Caimanes.
BTT
FORMACIÓN
BTT
BTT
FORMACIÓN
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es