Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O XCO Kiwi Atlántico exerce por primeira vez de Campionato de Galicia

19 DE JUNIO DE 2025

A cita deste sábado en Ribadumia reunirá a preto de 250 bikers

O-XCO-Kiwi-Atlantico-exerce-por-primeira-vez-de-Campionato-de-Galicia

Foto: Concello de Ribadumia

Unha semana despois de completar o calendario da súa Copa Galicia, o Cross Country Olímpico celebra este sábado o seu Campionato. Por primeira vez, as coroas autonómicas desta especialidade do BTT outorgaranse no XCO Kiwi Atlántico, o evento organizado polo Club Ciclista Ribadumia no seu concello e que alcanza a súa quinta edición. A partir das 15:00 horas entrarán en acción preto de 250 bikers no circuíto da parroquia de Lois. 

A categoría que se encargará de abrir o programa de competición será a infantil, coa carreira feminina e a masculina. Na segunda quenda, ás 16:00 h, comparecerán os cadetes e os máster-40, 50 e 60. E para pechar a xornada chegará o prato forte ás 17:15 h coas cadetes, as masters, os máster-30 e as probas Elite-Sub23 e Júnior -tanto femininas como masculinas-.

imagen

O trazado de 4,3 quilómetros deseñado ao redor das instalacións da empresa Kiwi Atlántico leva acollido nos últimos anos citas da Copa Galicia. "O circuíto caracterizase por ser esixente fisicamente, e tecnicamente ten obstáculos que o fan moi divertido. Os participantes desfrutaran coas subidas e baixadas rápidas", sinalou Javier Pombo, presidente do Club Ciclista Ribadumia, durante a presentación do evento. A este acto tamén asistiron David Castro, alcalde de Ribadumia; Marcos Guisasola, deputado da Deputación de Pontevedra; José Aníbal Piñeiro, director xerente de Kiwi Atlántico; e Alberto de Río, técnico da Federación Ciclismo Galego (FCG). 

O ano pasado o Campionato de Galicia disputouse noutro concello pontevedrés, en Poio, e as camisolas da FCG conquistáronas Lara Fernández e Guillermo García en Infantil, Iris Santana e Lucas Lozano en Cadete, Lorena Patiño e Alejandro García en Júnior, David Fernández en Sub-23, Carla Fernández e Saúl López en Elite, Manuel Parada en Máster-30, Constantino Muñoz en Máster-50, Antonio Rodríguez en Máster-50 e Manuel Bugallo en Máster-60. 

O V XCO Kiwi Atlántico, puntuable para o ranking estatal, tamén exercerá de test de cara ao Campionato de España do vindeiro mes de xullo en Baza (Granada).

Toda a información sobre o Campionato de Galicia de Cross Country Olímpico podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CampionatoXCO25 

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es