16 DE ABRIL DE 2025
Foto: Club Ciclista Padronés Cortizo
A Clásica de Pascua-Memorial Francisco Rodríguez Pazos celebrará a próxima semana a súa edición número 62 e farao con importantes novidades. A primeira, o percorrido, xa o que o Club Ciclista Padronés Cortizo decidiu incrementar a súa distancia e dureza para dotala de maior competitividade. A segunda, a data. Rompendo coa tradición dos últimos anos, a Clásica deixa o sábado de Pascuilla e trasládase ao martes de Pascua.
154 quilómetros con Cruxeiras e Augasantas no punto de mira
Nesta edición, a Clásica de Pascua aumentará o seu percorrido ata os 154 quilómetros, 23 máis que nos últimos anos, e farao para introducir no seu perfil a subida a Cruxeiras, protagonista na pasada edición da Volta, na etapa que tivo como punto de partida e chegada o Campus Tecnolóxico de Cortizo.
O pelotón partirá ás 10:00 horas da chaira do Souto e emprenderá rumbo a Rianxo, unha vez que se completou o paseo neutralizado polas inmediacións de Padrón. Os ascensos de Bexo e O Palleiro serán as primeiras dificultades que se atoparán os participantes antes de regresar á capital do Sar para afrontar a dobre subida a Formarís. Superado o ecuador, a carreira dirixirase pola N 550 cara a Casalonga, desviándose nese punto cara á capital do concello de Teo, Ramallosa. Aínda que non son cotas puntuables, os pasos por Faramello e Cornide poderían empezar a filtrar o pelotón camiño de Cruxeiras, onde chegarán tras deixar atrás Pontevea e Carcacía. Cruxeiras é unha subida curta e explosiva cunha pendente media próxima ao 9 % e con ramplas que chegan ao 17 %. Alcanzada a cima, os corredores terán un descenso complicado desde Lampai a Pazos rumbo ao tramo definitivo da carreira: a subida a Augasantas desde Liñares. Este porto, con tramos ao 13 %, foi determinante nas últimas edicións da Clásica de Pascua. A tradición di que o corredor que o coroa en primeiro lugar acaba adxudicándose a proba. O último en facelo foi Ramón Fernández, do Cortizo, vencedor o pasado ano e que coñecerá ao seu sucesor cara ás 14:00 horas do próximo martes.
O martes de Pascua substitúe ao tradicional sábado de Pascuilla
A clásica padronesa rompe este ano coa tradición e trasládase do sábado de Pascuilla ao martes de Pascua co obxectivo de “poder abrir a participación a máis equipos que non teñen a posibilidade de dobrar carreiras se coincide en vésperas de Copa de España”, explica o presidente do Padronés, Tanis Vázquez. “Inicialmente queriamos facela o sábado de Pascua, pero ao coincidir coa operación saída e outros eventos non obtivemos a autorización de Tráfico”, aclara. “Aínda que no calendario é laborable, o ambiente do martes de Pascua en Padrón é parecido ao dun festivo. Nesa xornada conmemórase o Día de Rianxo nas festas e este ano tamén coincide coa actuación da Panorama, así que esperamos contribuír co ciclismo para facer desta data un día sinalado”, conclúe o dirixente do Padronés.
Apertura da Copa Galicia Elite e Sub-23 con 12 equipos confirmados
Como en edicións anteriores, a Clásica de Pascua abrirá a Copa Galicia Elite e Sub-23, polo que volverá ter marcado acento galego coa presenza de sete equipos da comunidade. Ademais do anfitrión Cortizo, estarán o Supermercados Froiz, High Level-Gsport, Lasal Cocinas Craega, Maxge Ambilamp Team Cycling Galicia, Team Oiense Escuela Estévez e Club Ciclista Vigués. Xunto a eles, o Tecnosilva Maglia Bembibre de León, Telco’m On Clima Oses de Navarra, Extremadura Pebetero, Team El Bicho de Madrid e o Óbidos de Portugal. A lista podería ampliarse ata o peche das inscricións do vindeiro luns.
Toda a informacón sobre a Copa Galicia Elite e Sub-23 podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada25 e na súa sección dentro da páxina web da Federación Ciclismo Galego.
Fonte: Club Ciclista Padronés Cortizo
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es