Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Cuntis estréase na Copa Galicia do Porvir con vitorias de Vega Aldrey, Ariel Soto e Ivet Dimitrova

01 DE JULIO DE 2025

O certame concluíu para tres categorías con tripla de líderes do Cambre: a júnior Inés Santalla, o cadete Lucas Blanco e a cadete Vega Aldrey

Cuntis-estrease-na-Copa-Galicia-do-Porvir-con-vitorias-de-Vega-Aldrey-Ariel-Soto-e-Ivet-Dimitrova

O quinto evento da temporada no calendario da Copa Galicia do Porvir supuxo unha estrea. O Club de Montaña Xesteiras organizou o pasado sábado a primeira edición da proba Cuntis - Vila Termal, unha cita sobre o asfalto que resolveu tres das catro clasificacións xerais do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego. Neses rankings finais, o Club Ciclista Cambre colleitou un pleno de títulos. 

Baixo unha calor sufocante, máis de 200 participantes reuníronse no interior da provincia de Pontevedra. As altas temperaturas e a esixencia do percorrido provocaron que se marcaran diferenzas nas carreiras puntuables para a Copa Galicia. Na cadete masculina, despois de 55,2 quilómetros, Ariel Soto (Cambre) impúxose en solitario con 1 minuto de vantaxe sobre o seu compañeiro de equipo Lucas Blanco, quen grazas aos 120 puntos sumados desbancou do máis alto da xeral a Héctor Rodríguez, outro corredor do Cambre. Xunto ao gañador final do certame cruzou a liña de meta en terceira posición Xián Acuña (Lynalfa-Ponteareas).

A estrutura coruñesa tamén dominou nas cadetes. Vega Aldrey (Cambre) sumou o seu cuarto triunfo do ano na Copa Galicia e remata como invicta. A líder distanciouse en máis de 10' de Leire García (Lynalfa-Ponteareas) e a terceira praza na chegada á Rúa do Espadenal obtívoa Antía Torres (Teis). 

Ata esta xornada outra ciclista que contaba as carreiras desta competición por vitorias era a júnior Inés Santalla (Cambre). A líder e vencedora da xeral xuvenil non puido correr en Cuntis ao atoparse coa Selección de Galicia no Campionato de España disputado durante a fin de semana en Granada. Sen a principal referencia da categoría a nivel autonómico esta temporada, Ivet Dimitrova (HyD-Ciudad de Salamanca) anoutouse con autoridade o primeiro posto. Nerea Suárez (Carballo), segunda a 8', e Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas), terceira a 10', escoltárona na entrega de premios. 

imagen

A Copa Galicia do Porvir 2025 pecharase definitivamente o 30 de agosto no Trofeo Júnior Carballo, última proba puntuable para o pelotón júnior masculino. Toda a información sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

No que repescta ás categorías de Escolas, subiron en Cuntis ao máis alto do podio Elisa Vázquez (O Rosal) e Joel Lorenzo (O Rosal) en Promesa, Iria Ruiz (Betanzos) e Pedro Chapela (THC Bike) en Principiante, Martina Senín (Xesteiras) e Breixo Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) en Alevín, e Rocío Bello (Lynalfa-Ponteareas) e Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas) en Infantil. 

Clasificacións

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es