24 DE ABRIL DE 2025
O calendario 2025 de Xornadas de Tecnificación FCG vai sumando modalidades. Comezou co ciclocrós, deulle continuidade o BTT e este mércores activáronse as convivencias de Estrada. Os primeiros especialistas sobre o asfalto que recibiron a chamada da Federación Ciclismo Galego foron os Sub-23. Ao día seguinte de competir na Clásica de Pascua, a carreira que abriu o calendario da Copa Galicia, unha ducia de corredores regresaron a Padrón para desta vez adestrarse e formarse baixo a dirección do seleccionador autonómico Jacobo Ucha.
Os concelleiros José Luis Mariño e Chus Campos deron a benvida á capital da comarca do Sar aos participantes nunha iniciativa que seguiu o seu guión habitual. A sesión matinal dedicouse a rodar en grupo. O minipelotón da FCG completou un percorrido de 120 quilómetros con Padrón como epicentro e que se adentrou no Barbanza e en Noia.
Unha vez que se baixaron das súas bicicletas, os corredores compartiron xantar e pola tarde chegou o momento das charlas. Entre os aspectos que se abordaron, explicouse o planning deseñado pola Selección de Galicia ata o Campionato de España que este ano se disputa en Granada a finais do mes de xuño. Nesta Xornada Tecnificación estiveron representados sete conxuntos Elite e Sub-23 da nosa comunidade.
Dende a Federación Ciclismo Galego agradécese aos ciclistas a súa disposición para acudir a esta cita, así como a colaboración do Concello de Padrón. Este domingo terá lugar en Ponteareas unha nova convivencia, neste caso protagonizada polas categorías femininas de Estrada.
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es