06 DE JULIO DE 2025
Fotos: RFEC
A Selección de Galicia despediuse este domingo do Campionato de España Escolar 2025 cun balance de cinco podios, entre eles un título, e coa bagaxe dunha experiencia inesquecible para unha expedición que contou con 34 ciclistas das categorías Infantil e Cadete. No último dos tres día de competición en Tarazona de la Mancha (Albacete), o botín de medallas non aumentou, pero estivo a piques de facelo. O combinado cadete masculino acadou a cuarta praza por equipos na carreira en ruta.
A proba que pechou o Campionato decidiuse ao esprint. Ningún dos constantes intentos de escapada conseguiu consolidarse e houbo chegada masiva na liña de meta da Praza Maior. Dous representantes do quinteto dirixido polo seleccionador Jacobo Ucha quedaron moi preto dos metais. Lucas Blanco, prata o venres na contra o reloxo individual, entrou sexto e Breixo Cochón, xusto a continuación, na sétima praza.
Este dobre top-10, sumado ao posto 36 de Héctor Rodríguez, deixou á Selección de Breogán co mel nos beizos na táboa por equipos. Clasificouse cuarta e, polo tanto, correspondeulle a 'medalla de chocolate'. Marco Núñez (46º) e Aarón Rodríguez (53º) completaron a actuación de Galicia.
A carreira cadete feminina estivo totalmente marcada polas caídas. Catro corredoras da Selección bicaron o chan, sen sufrir lesións de importancia, e a única que librou tivo como contratempo unha avaría. O último accidente aconteceu a 100 metros da meta e privou a Leire García, que ía ben colocada, de meterse entre as dez primeiras na 'volata'. Concluíu 25ª. Tamén remataron Carla Ballester, Vega Aldrey e Antía Torres. Pola súa banda, Tania Rodríguez tivo que abandonar.
A categoría Infantil celebrou as probas en liñas na véspera, o sábado pola tarde. Alba Ruíz, corredora de primeiro ano, obtivo o mellor resultado de Galicia. Fixo décima, sendo unha das doce ciclistas que finalizaron co mesmo tempo que a gañadora. A 20ª posición de Zoe Rodríguez, a 40ª de Estela Yáñez e a 57ª de Anxa Gómez situaron ao cuarteto da nosa comunidade na sexta praza por escuadras.
En canto aos infantís, Galicia ocupou o 12º posto por equipos. As cores da Selección defendéronas Mario Miguélez (32º), Hugo Pita (35º), Breixo Rodríguez (43º) e Raúl Fernández (48º).
As cinco medallas galegas en Tarazona de la Mancha igualan a cifra lograda o pasado ano en Avilés. Nesta ocasión, a conta abriuna Lucas Blanco co seu campionato e o XCO aportou catro podios: o ouro por equipos nos infantís masculinos, as pratas tamén por conxuntos das infantís e das cadetes, e o bronce individual da cadete Nerea Soto.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es