09 DE ABRIL DE 2025
Fotos: RFEC / Federação Portuguesa
A Copa de España XCO Cofidis alcanzou a súa cuarta xornada e no Gran Premio Internacional X-Sauce chegou o primeiro triunfo galego da temporada no certame estatal de Cross Country Olímpico. A júnior Lorena Patiño (Decathlon Misser Project) impúxose no circuíto madrileño de Alpedrete. É a terceira vitoria da vixente campioa de España nunha proba do calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI) no 2025.
A marinense tivo que sufrir ata o final na súa estrea desta campaña na Copa de España para dobregar á rioxana Mónica Estrada (La Nucía - BH Coloma). Nove segundos separaron ás dúas primeiras clasificadas na liña de meta. As dúas mellores xuvenís nesta competición de clase UCI C2 rodaron a outro nivel respecto ao resto de corredoras. A andaluza Irene García (Rulecycling) fixo terceira a 4:21 de Lorena Patiño.
O outro podio galego da xornada asinouno a cadete Iris Santana. A representante do Coruxo cruzou a liña de meta na terceira posición a 2:33 da catalá Laia Rodríguez (Unica Relber) e a 1:39 da valenciana Carolina Casares (Sumistock). A segunda presenza consecutivas da viguesa no caixón da Copa de España permítelle avanzar un posto na xeral e situarse segunda, a 164 puntos da líder Casares. Entre as oito primeiras cadetes tamén finalizaron Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas), quinta, e Xiana Seijo (Caimanes Betanzos), oitava.
Entre os mellores na categoría júnior masculina estivo Mauro Vega (Coruxo), quinto, e nas probas raíñas o sub-23 Alejandro García (Mondraker) rematou noveno e a elite Irene Trabazo (XSM), décima. O resultado máster máis sobranceiro acadouno Manuel Parada (Xesteiras), sexto nos M30.
O calendario da Copa de España concluirá o 28 e o 29 de xuño en Cervera del Maestre (Castellón).
TAÇA DE PORTUGAL
O mesmo botín de puntos UCI que en Alpedrete púxose en xogo na cita da Taça de Portugal en Abrantes, onde Marcos Rodríguez obtivo a terceira praza na carreira júnior por detrás de dous bikers lusos. O xuvenil do Academia Postal - Maceda quedou a 33 segundos do gañador Tomás Pais (Oeiras) e a 14 do segundo clasificado Hugo Ramalho (Matosinhos). A seguinte proba da copa portuguesa será a de Lousada, o 27 de abril.
Máis información Copa de España
Máis información Taça de Portugal
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es