29 DE ABRIL DE 2025
Fotos: Concello de Boiro
A Copa Galicia do Porvir 2025 xa está activada ao 100%. Despois de que a Challenge Volta O Barbanza 'A Orixe' lanzara a competición para os júniores masculinos o 12 de abril, outro evento organizado polo Club Ciclista Barbanza puxo en xogo as primeiras camisolas de líderes para as dúas categorías cadetes e a júnior feminina o pasado sábado. Dous deses maillots recibíronos corredoras do Cambre e o terceiro triunfo en Boiro obtívoo un ciclista portugués.
As tres vitorias nas carreiras do XXXVII Promoción de Ciclismo de Boiro - Gran Premio Ricardo Riveiro puntuables para o certame autonómico asináronse con autoridade. Nos cadetes masculinos Francisco Cardoso (Academia Efapel) presentouse en solitario na recta de meta. O corredor luso avantaxou en 28 segundos a Lucas Blanco (Cambre) e en 1:14 ao terceiro clasificado Javier Porrúa (Máster da Louriña).
A máis forte camiño de Boiro nas júniores foi Inés Santalla (Cambre), dominando dentro da súa categoría con 2:36 de marxe respecto a súa compañeira de equipo Xiana Mardaraz. Ao terceiro chanzo do podio subiu Ivet Dimitrova (HyD - Ciudad de Salamanca).
En canto ás cadetes, a carreira tamén chegou decidida ao treito final. Vega Aldrey (Cambre) impúxose cunha diferenza de case 2 minutos sobre o dúo do Teis formado por Tania Rodríguez e Antía Torres, segunda e terceira respectivamente.
A Copa Galicia do Porvir regresará o 10 de maio en Rois co XVII Premio Ciclista San Isidro - Trofeo Blanco Villar, unha cita na que competirán as súas catro categorías. Toda a información sobre esta competición coordinada poloa Federación Ciclismo Galego podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
Escolas
O Gran Premio Ricardo Riveiro contou cunha inscrición total de 272 ciclistas e abriu o calendario autonómico de Escolas de Estrada. Nesta primeira competición do ano as vitorias corresponderon a Jimena Paleo (Viveiro) e Eduardo Baleirón (Barbanza) en Promesa, Iria Ruíz (Betanzos) e Daniel Baleirón (Barbanza) en Principiante, Noa Amado (Cambre) e Xian Cerezo (Viveiro) en Alevín, e Anxa Gómez (Betanzos) e Mario Miguélez (Compostelano) en Infantil.
FORMACIÓN
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es