15 DE JULIO DE 2025
Fotos: RFEC
A Copa de España Féminas Cofidis 2025 chegou á súa conclusión o pasado sábado coa disputa do II G.P. León. Dúas semanas despois de proclamarse campioa estatal de contra o reloxo individual (CRI) coa Selección de Galicia, a júnior Alejandra Neira (Baqué Movistar) regresou ao podio. A corredora santiaguesa dinamitou a carreira e fixo segunda na liña de meta da capital leonesa, un resultado que estivo a piques de outorgarlle o mesmo posto na clasificación xeral.
A proba xuvenil contaba con 50 quilómetros de percorrido e quedou encamiñada para a súa resolución desde os primeiros compases. No km 13, Alejandra Neira aproveitou as primeiras ramplas do paso montañoso da N-621 para cambiar o ritmo e romper de forma drástica o pelotón. O ataque da galega só puideron resistilo a madrileña Celia Torres (Tenerife BikePoint) e a líder da xeral, a vasca Irati Aranguren (Andoain). As tres corredoras acadaron un bo entendemento para abrir con velocidade unha renda por encima do minuto.
Por detrás, non houbo quen tomase o mando da persecución, polo que o trío de punta tivo tempo dabondo para pensarse como afrontar o definitivo esprint pola vitoria. Neira e Torres deixaron toda a responsabilidade a Aranguren, sabedoras da súa maior punta de velocidade, pero a líder da Copa de España non tivo problemas para impoñerse na Avenida Ordoño II e asegurar, á súa vez, o seu triunfo na xeral. O segundo posto na meta foi para Neira e o terceiro para Torres. Inés Santalla (Cambre) obtivo a undécima posición no pelotón.
Logo de sete xornadas puntuables, Neira ocupou a terceira praza na xeral da Copa de España con 277 puntos, quedando a un único punto da valenciana Leyre Almena (Río Miera), segunda con 278. A gañadora Aranguren sumou 316.
Nas outras carreiras do G.P. León, destacou en clave galega a actuación da cadete Vega Aldrey. A ciclista do Cambre formou parte do reducido pelotón que finalizou a 1 minuto da vencedora en solitario, a catalá Lluna Jiménez (Baix Ter), e anotouse a 15ª praza. Deste xeito, na súa primeira temporada na categoría, asinou o seu mellor resultado na Copa de España.
FORMACIÓN
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
SELECCIÓNS
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es