Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alba Fernández comanda o festival galego na Copa de España de Pump Track en Premiá de Mar

01 DE MAYO DE 2025

A representación da nosa comunidade obtivo seis vitorias, outros cinco podios e oito camisolas de líderes na pista barcelonesa

Alba-Fernandez-comanda-o-festival-galego-na-Copa-de-Espana-de-Pump-Track-en-Premia-de-Mar

Foto: RFEC

A segunda cita da temporada na Copa de España de Pump Track ratificou o pasado domingo a hexemonía galega neste certame estatal. Seis vitorias, coa sub-23 Alba Fernández (Pontebike) anotándose o triunfo scratch feminino, e outros cinco podios foi o balance da representación da nosa comunidade no G.P. Marina Port Premiá, celebrado na provincia de Barcelona. A cifra de líderes do noso Pump Track aumentou, pasando de sete a oito. 

O Pontebike de Ponteareas asinou os dous triunfos absolutos. A mellor actuación masculina correspondeu ao júnior Malo Dusseau, empregando 19 segundos e 248 milésimas, seguido por dous compañeiros de equipo sub-23: Sergio Veiga, que detivo o cronómetro en 19"717, e Raúl Gándara, cunha marca de 19”722.

A redondelá Alba Fernández fixo valer a súa condición de máxima favorita entre as mulleres e a corredora sub-23 foi a máis rápida cun rexistro de 22”276 por diante doutras dúas galegas. A elite Yuli Paola Rey (Kiwi Atlántico – Craega) rematou segunda, cun 'crono' de 23"600, e a cadete Paula Rodríguez (Val do Ulló) obtivo a terceira praza grazas a un tempo de 24"036 .

A alevín Eva Vilas (Farto) e a máster-50 Rosa López (Maese Ourense) completaron a media ducia de vitorias galegas. O caixón en Premiá de Mar tamén o pisaron Carla Pérez (Val do Ulló) e Sabela Rúa (Maese Riders), segunda e terceira nas infantís; Daniela Vilas (Farto), segunda nas cadetes; Noel Vidal (Val do Ulló), terceiro nos promesas de 7 e 8 anos; e Antonio Piñeiro (Maese Ourense), segundo nos máster-50. 

Despois das dúas primeiras xornadas da Copa de España lideran as clasificacións xerais da Copa de España nas súas categorías Yuli Paola Rey, Alba Fernández, Sergio Veiga, Paula Rodríguez, Eva Vilas, Rosa López, Antonio Piñeiro e o máster-30 Iván Rial (Bentraces). A seguinte cita puntuable disputarase este sábado en Aínsa (Huesca).

Máis información

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es