18 DE MARZO DE 2024
Fotos : RFEC
A Copa de España Féminas Cofidis chegará a vindeira fin de semana a Pontevedra e na categoría cadete a camisola de líder vaina vestir unha corredora galega. Alejandra Neira (Cambre) rematou segunda este domingo no IV Gran Premio Igartza e os puntos sumados na segunda cita do certame estatal permitíronlle situarse á fronte da xeral. A santiaguesa repetiu en Beasain (Guipúscoa) o resultado asinado quince días antes na carreira cántabra de Noja.
Se na apertura do calendario bateuna ao esprint á vasca Maialen Narbona (Loiumat-PG), nesta ocasión a corredora da formación coruñesa non puido seguir a roda da gañadora na subida máis esixente dun percorrido de 23,4 quilómetros. Unicamente Neira resistiu o ritmo de Lidia Castro (Río Miera) nas primeiras ramplas do alto de Lierni, pero a castelaleonesa acabou coroando en solitario e vencendo na meta con 24 segundos de vantaxe.
O segundo posto da compostelá non correu perigo nos últimos quilómetros dado que o cuarteto que se xogou a terceira praza concluíu a 59" da ciclista do Cambre. A xeral despois de dúas probas está comandada por Neira con 108 puntos, 35 máis que a cántabra Aitana Gutiérrez (Viella/Guttrans). En Beasain tamén participaron as cadetes galegas Irene Signo (Tenerife Bike Point) -23ª-, Ivet Ivanova (Cambre) -45ª-, Inés Santalla (Cambre) -79ª- e Xiana Mardaraz (Cambre) -80ª-. En canto á carreira júnior, Lucía Piñón (Farto) fixo 13ª.
O Gran Premio Cidade de Pontevedra, terceira das seis citas da Copa de España Féminas Cofidis, celébrase este domingo.
A fin de semana deixou outras actuacións sobranceiras do ciclismo galego de Estrada. O júnior Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) obtivo a terceira posición no Memorial Chely Álvarez. Sen saír de El Bierzo e na mesma categoría, Fran Agrafojo e Mario Bouza, ambos do Cambre, ocuparon a novena e a décima praza no Gran Premio Ayuntamiento de Valdefresno.
Tamén se disputaron dúas probas na provincia de Zamora, neste caso para corredores Elite e Sub-23. Ricardo Buba (High Level - Gsport) meteuse sexto no Trofeo Ayuntamiento de Zamora e Martín Rey (Padronés Cortizo) logrou a cuarta praza no Trofeo Caja Rural - Gran Premio San José. Por outra banda, Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) clasificouse décimo o sábado na segunda e penúltima etapa da Vuelta a Extremadura
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es