17 DE MAYO DE 2025
Foto portada: Sprint Cycling / Caja Rural Alea
A Copa de España Elite e Sub-23 viviu hoxe en Padrón o seu penúltimo capítulo do curso cunha divertidísima XII Rutas Xacobeas; unha proba na que Lucas Towers alzouse coa vitoria tras un precioso ataque final e que serviu a César Pérez para deixar practicamente sentenciada a súa vitoria na xeral do certame estatal.
A primeira parte da proba transcorreu con algúns intentos de fuga que non chegaron a consolidarse ata que chegada a primeira subida a Formarís, e o posterior descenso, provocábase un primeiro corte importante, en parte dado por unha masiva caída que afectaba tamén o líder da Copa, César Pérez.
Lucas Towers (Caja Rural-Alea) e Samuel Flórez (Cortizo) empezaban posteriormente a axitar unha carreira que o Cortizo quería seguir dotando dun gran ritmo, lanzando tamén ao vilagarcián Martín Rey e Martin Solhaug. José María Martín (Extremadura Pebetero) era outro dos ciclistas máis activos, tentando marcharse en solitario desde o grupo de cabeza.
A falta duns 20 quilómetros, e tras a subida a Augasantas, a carreira quedaba estruturada con Dario Giuliano (Caja Rural-Alea) na cabeza de carreira, con José María Martín (Extremadura Pebetero) e Adrián Fajardo (Vigo-Rías Baixas), perseguindo a uns 20”; un dúo co que máis tarde contactarían Lucas Towers (Caja Rural-Alea) e Mario Silva (Illes Balears-Arabay); e cun grupo posterior no que Luis Alberto Lajarín traballaba en favor do seu compañeiro e líder do certame César Pérez (Finisher-Kern Pharma), con Martin Solhaug (Cortizo) moi atento a calquera movemento.
Giulano non lograba ampliar en exceso a vantaxe con respecto a un grupo perseguidor que non se daba por vencido e que conseguía cazalo a falta de 4,5 quilómetros, unha circunstancia que aproveitaba o seu compañeiro Lucas Towers para apenas un quilómetro despois lanzar o seu definitivo ataque. Towers lograba así entrar en meta en solitario para facerse con outra brillantísima vitoria. Por detrás, José María Martín mostraba a súa punta de velocidade para levar a segunda praza por diante de Giuliano, terceiro, e de Silva, cuarto.
"Os últimos 15 km fun a roda e cando faltaban 3 vin unha oportunidade de atacar, xoguei a miña carta e foi un éxito. Véñenme ben as carreiras así rompepiernas, duras, e estou moi contento de conseguir esta vitoria”, declaraba Towers ao finalizar a carreira.
César Pérez, 10º en Padrón, aumentou a súa vantaxe en 5 puntos con respecto a Martin Solhaug (12º hoxe) e mañá dispoñerá dunha ampla marxe para facerse coa xeral da Copa de España. "O equipo Cortizo púxomo moi difícil, foi unha das carreiras máis duras que fixen, pero foi a mentalidade a que me permitiu aguantar e ao final en meta puiden quedar por diante de eles", sinalaba o murciano ao termo da proba. Martín Rey recibiu o premio de mellor galego ao rematar 11º.
Mañá dispútase a última e decisiva cita da Copa de España, a V Vigo Copa de España, que arrincará ás 10:45 horas e ofrecerá un percorrido de 180 quilómetros de percorrido e 4.000 metros de desnivel positivo acumulado.
Fotos: Padronés-Cortizo / Concello de Padrón
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es