Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Diego Álvarez e Tamara Seijas gañan en Ames a segunda proba do circuíto Transgalaica 2025

18 DE MARZO DE 2025

O máster-30 do Podium Team e a elite do RG Bikes fixéronse cos triunfos absolutos nun percorrido de 66 quilómetros

Diego-alvarez-e-Tamara-Seijas-ganan-en-Ames-a-segunda-proba-do-circuito-Transgalaica-2025-

Fotos: Concello de Ames

O Club de ciclismo amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames, organizaron este domingo, 16 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2025. Foi a novena ocasión na que este concello acolleu esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Dende 2016 organízase esta proba do circuíto Transgalaica en Ames. En 2021 non se puido realizar debido a situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Nesta edición chagaron á liña de meta 249 ciclistas, que deron dúas voltas a un circuíto de 33 quilómetros completando un percorrido de 66 quilómetros.

A proba comezou ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Augapesada, seguindo por Lamas, ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro, o Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volveuse ata Bertamiráns por Aldea Nova.

Unha das principais novidades deste ano foi a incorporación adicional dunha carreira esprint, na que o seu resultado computou puntos para a clasificación xeral absoluta da Transgalaica. Só puntuaron os primeiros 25 clasificados en pasar pola liña de meta na primeira volta. Por motivos loxísticos e de seguridade, estableceuse un control de paso no quilómetro 33 da proba, ao final da primeira volta ao circuíto. Os/as participantes que non pasaron por el antes de 2 horas e 10 minutos tiveron que retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.

O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, acompañados doutros concelleiros e concelleiras do goberno municipal seguiron a proba dende varios puntos do circuíto. Posteriormente, participaron no acto de entrega de premios con varios concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego.

Clasificacións

Na categoría masculina os tres primeiros ciclistas en chegar á liña de meta foron: Diego Álvarez Alonso, do Club ciclismo Podium Team AD, cun tempo de 2:45:12 (da categoría Master 30); Daniel García Castaño, do Club de Montaña Xesteiras, cun tempo de 2:46:29 (da categoría Elite); e Brandan Márquez Fernández, do Club V Bikes Team, cun tempo de 2:49:37 (da categoría Elite).  

imagen

Por outra banda, na categoría feminina a primeira ciclista en cruzar a liña de meta foi Tamara Seijas Fernández, do Club RG Bikes Scott Team, cun tempo de 3:30:03 (da categoría Elite-Sub 23). A segunda en chegar á meta foi Mar Delgado González, do Club Monteneme, cun tempo de 3:35:30 (da categoría Elite-Sub 23); mentres que a terceira en completar o percorrido foi Raquel Román Sarmiento, do Club ciclista Bici Verde, cun tempo de 3:39:34 (da categoría Elite-Sub 23).

imagen

Na categoría Elite masculina os tres primeiros clasificados foron Daniel García Castaño, Brandan Márquez Fernández e Ignacio Casal Vázquez, tamén do Club Deportivo Extol MTB Team, cun tempo de 2:52:44. Na categoría Elite-Sub 23 feminina as tres primeiras clasificadas coinciden coas tres primeiras ciclistas que chegaron á liña de meta.

Na categoría Máster 30 masculina os tres primeiros clasificados foron Diego Álvarez Alonso, José Carlos Canosa Bouzada, do Club de Montaña Xesteiras, cun tempo de 2:54:00; e Francisco Javier Vilas Arjones, do Club Sanomedio ACD, cun tempo de 2:54:21.

Na categoría máster feminina a primeira foi Rebeca Muñoz Narciso, do Club de Montaña Xesteiras, cun tempo de 3:51:42; e en segunda posición quedou Olalla Duro Liñares, do club BTT O Treito, cun tempo de 4:05:55. Premendo nesta ligazón podes consultar as clasificacións de todas as categorías.

Este ano o Circuíto Transgalaica está composto de cinco probas. A primeira proba tivo lugar o pasado 2 de marzo no concello de Cerdedo - Cotobade. A segunda proba do circuíto foi a que se desenvolveu en Ames. As tres probas restantes disputaranse a finais de marzo en Silleda e no mes de abril en Friol e Manzaneda.

Fonte: Concello de Ames

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es