02 DE MAYO DE 2025
Foto: Equipo Cortizo
Triunfo histórico para o ciclismo galego. Por primeira vez un corredor da nosa comunidade adxudicouse unha carreira da Copa de España Elite e Sub-23. Fíxoo o vilagarcián Martín Rey este xoves na Santikutz Klasika. O arousán do Padronés-Cortizo asestou un importante golpe ao certame estatal grazas á súa brillante vitoria na localidade guipuscoana de Legazpi, que ademais lle permitiu asaltar o liderado da xeral.
A XCI edición desta clásica volveu presentar un durísimo percorrido de 152,6 km que propiciou que os máis fortes do pelotón da Copa de España brillasen e reafirmasen a súa candidatura para pelexar pola xeral. O pelotón que tomou a saída ás 9:00 h desde Legazpi tivo que afrontar 11 ascensións puntuables de 3ª categoría, que apenas ofreceron descanso na segunda metade de carreira.
Iker Gómez (Finisher), que tivo unha gran presenza nesta Santikutz Klasika, estableceuse na cabeza da carreira xunto a Alejandro Granados (Vigo-Rías Baixas) e Juan Pedro Lozano (Caja Rural-Alea) cando restaban algo menos de 40 km para a conclusión. Aproveitando o último paso pola subida a Aztiria, e logo de ter ascendido o durísimo muro do Kirtenberg, arrancou un grupo con Maksym Bilyi (Padronés-Cortizo), Martin Solhaug (Padronés-Cortizo), Pablo Lospitao (Caja Rural), César Pérez (Finisher) ou Fabrizio Crozzolo (Technosylva), entre outros, que logrou dar caza ao trío que comandaba a proba.
A ese grupo uníronse posteriormente o resto de favoritos para crear unha formación dunhas 20 unidades, que pronto se vería de novo seleccionada. Crozzolo lanzou un durísimo ataque nas ramplas de Liernia e xunto a el marcháronse na cabeza Martín Rey (Cortizo), Martin Solhaug, Pablo Lospitao, César Pérez, Iker Gómez, Iker Soriano (Natural Greatness), Jesse Maris (Essax) e Dario Giuliano (Caja Rural). O equipo Finisher, vista esta situación favorable de carreira, xa que o líder da Copa de España José María Martín (Extremadura-Pebetero) non se atopaba no grupo tras sufrir dúas caídas, puxo a tirar a Iker Gómez, que realizou un gran traballo para manter baixo control aos perseguidores e que os oito ciclistas de cabeza puidesen xogarse o triunfo ao esprint.
Na recta de meta, o sub-23 Martín Rey foi o máis rápido para conseguir a súa primeira vitoria na Copa de España e, á súa vez, avanzar dende o terceiro ao primeiro posto da xeral. Segundo rematou César Pérez, mentres que o podio completouno Pablo Lospitao. A cuarta e a quinta posición foron para Martin Solhaug e Fabrizio Crozzolo, respectivamente. O Padronés Cortizo venceu por equipos, apuntalando a súa condición de líder por escuadras.
O certame estatal continuará este domingo coa oitava das súas once citas, o Pissei - Memorial Pascual Momparler en Villanueva de Castellón (Valencia).
Fonte: RFEC
CARRETERA
FORMACIÓN
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es