Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Martín Rey regresa ao podio da Copa de España Elite e Sub-23 en Valladolid

29 DE ABRIL DE 2025

O arousán do Padronés-Cortizo ascende á terceira praza da xeral

Martin-Rey-regresa-ao-podio-da-Copa-de-Espana-Elite-e-Sub-23-en-Valladolid

A Copa de España Elite e Sub-23 de Estrada entra na fase decisiva do seu calendario e faino cun galego loitando pola xeral. Martín Rey ocupa o terceiro posto despois de colleitar o pasado domingo o seu segundo podio da temporada no certame estatal. O ciclista arousán do Padronés-Cortizo acadou a terceira posición na XIV Clásica Valladolid ‘Memorial Ángel Lozano y Jesús Nieto’. 

A sexta xornada puntuable estivo marcada por unha numerosa escapada que se formou nos primeiros quilómetros e na que participou Martín Rey. Os fugados mantivéronse en cabeza ata o final e o máis rápido na recta de meta foi o catalán Albert Roca (TeamMP Group) por diante de dous representantes da formación padronesa, do noruegués Martin Solhaug e do ciclista de Vilagarcía. O conxunto dirixido por Marcos Serrano venceu por equipos. 

imagen

A falta de cinco citas, a xeral comándaa o elite andaluz José María Martín (Extremadura Pebetero) con 328 puntos, avantaxando en 29 ao sub-23 murciano César Pérez (Finisher) e en 32 a Rey, que ascendeu tres postos dunha tacada. O Padronés-Cortizo pasou a liderar a táboa por escuadras e o Supermercados Froiz situouse terceiro. A Copa de España continúa este xoves coa Santikutz Klasika na provincia de Guipúscoa. 

O domingo tamén se disputou en Castela e León a LXV Clásica de la Chuleta en Cuéllar, carreira pertencente ao calendario Elite e Sub-23 da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), onde o carballés Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) fixo segundo co mesmo tempo que o gañador, o navarro Iker Villar (Caja Rural-Alea)

Máis información Copa de España

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es