10 DE JUNIO DE 2024
A falta de dúas semanas para que a Lalín Bike Race exerza de Campionato de España de Maratón, o XCM galego actualizou a súa nómina de reis e de raíñas na localidade pontevedresa de Cuntis. Oito títulos autonómicos puxéronse en xogo este domingo nos 64,7 quilómetros da XI Ruta do Lacón e a emoción mantívose ata o treito final en varias categorías. O máster-30 Manuel Ángel Parada, do equipo anfitrión Xesteiras, e a elite Raquel Román, do Bici Verde, foron os grandes triunfadores da xornada.
O Club de Montaña Xesteiras demostrou a súa solvencia como organizador sacando adiante nun tempo récord un evento que contou con 164 inscritos. A coincidencia de data coas eleccións europeas obrigou a buscar un novo escenario para o Campionato de Galicia de XCM e a entidade de Cuntis aceptou encargarse dunha cita que xa acolleu no 2022. Ao igual que acontecera hai dous anos, obtivo a recompensa deportiva de acadar a vitoria absoluta masculina.
O ribeirense Manuel Ángel Parada impúxose nun esixente trazado que contou con tres ascensións principais: Monte Xesteiras (km 13), Castro Arcos (km 36) e Castro Serbil (km 53). O representante do equipo local ergueu os brazos na liña de meta cun tempo de 3 horas 33 minutos e 51 segundos, avantaxando en 2’03” ao tamén máster-30 Diego Álvarez (V Bikes) e facendo boa a estratexia do conxunto anfitrión, que situou a outro máster-30 como Daniel García -vencedor no 2022- no terceiro posto, a 41” do segundo clasificado.
Os tres primeiros destacáronse na pugna polo triunfo en Cuntis. A cuarta posición correspondeu a Brandán Márquez, a 8’19” do gañador, e deste xeito o corredor do V Bikes revalidou o título elite por diante de Ignacio Casal e de Diego Marnotes, ambos do Extol-Zambora.es, quinto e sexto na táboa absoluta respectivamente. A esta mesma formación pertence Yago Fernández, cuarto elite e sétimo na orde de chegada a meta. A oitava praza scratch obtívoa Antonio Rodríguez (Ourense Termal), campión máster-50 de Galicia por segundo ano consecutivo.
A coroa máster-40 conquistouna Diego Álvarez (Aerodynamics) unha semana despois de proclamarse campión autonómico de fondo en estrada. Esa colleita de títulos supéraa o sub-23 David Fernández (Avanza – O Porriño), que nunha marxe de quince días adxudicouse as camisolas da Federación Ciclismo Galego (FCG) de Enduro, XCO e XCM. A competición júnior dominouna Néstor Frías (Academia Postal – Maceda) e nos máster-60 Óscar Lorenzo (Bici Verde) decantou ao seu favor un vibrante man a man con Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas), un agónico duelo que se decidiu por tan so 15” de diferenza.
A incógnita por coñecer á gañadora tampouco se despexou ata os últimos quilómetros nas elites femininas. A viguesa Raquel Román, cun rexistro final de 4 horas e 16 minutos, subiu por primeira vez ao máis alto do caixón do Campionato de Galicia de XCM logo de bater por 2’16” á defensora do título Eva Ortega (Extol-Zambora.es). Mar Delgado (Monteme-Calvo) completou o podio e cuarta concluíu a máster-40 Rebeca Muñoz (Xesteiras).
Os premios encargáronse de entregalos na cerimonia de clausura María Isabel Couselo Torres, deputada provincial de Infraestruturas, Mobilidade e Contratación; o presidente do CDM Xesteiras, Tono Abal, e outros membros da xunta directiva; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG. A seguinte cita no calendario do XCM xa será o Campionato de España en Lalín do vindeiro día 23.
PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA
Júnior
1. Néstor Frías (Academia Postal - Maceda)
2. Miguel Sotelo (Academia Postal - Maceda)
3. Aitor Vázquez (Caimanes Betanzos)
Sub-23
1. David Fernández (Avanza - O Porriño)
2. Brais Fernández (Academia Postal - Maceda)
3. Fabián Rodríguez (Cambre)
Elite F
1. Raquel Román (Bici Verde)
2. Eva Ortega (Extol-Zambora.es)
3. Mar Delgado (Monteneme-Calvo)
Elite M
1. Brandán Márquez (V Bikes)
2. Ignacio Casal (Extol-Zambora.es)
3. Diego Marnotes (Extol-Zambora.es)
Máster-30
1. Manuel Ángel Parada (Xesteiras)
2. Diego Álvarez (V Bikes)
3. Daniel García (Xesteiras)
Máster-40
1. Diego Álvarez (Aerodynamics)
2. Gonzalo Vidal (Xesteiras)
3. Santiago Barreiro (Máster Morrazo)
Máster-50
1. Antonio Rodríguez (Ourense Termal)
2. Francisco Xavier López (Milagrosa)
3. Jorge Novoa (Burgas Bike)
Máster-60
1. Óscar Lorenzo (Bici Verde)
2. Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas)
3. Pedro Luis Delgado (BTT Ultreia)
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es