09 DE ABRIL DE 2025
Fotos: RFEC
A Copa de España de Cross Country Maratón celebrará a súa segunda xornada o 17 de maio na Ruta do Lacón e na proba organizada polo Club de Montaña Xesteiras en Cuntis presentaranse tres bikers da nosa comunidade ocupando posicións de podio na xeral. A Jamón Bike abriu este sábado na provincia de Teruel o calendario do certame estatal de XCM con Tamara Seijas (RG Bikes Scott) conseguindo a terceira praza elite e con dous masters galegos no top-20 absoluto. Diego Álvarez (Podium Team) fíxose coa vitoria no grupo de idade dos 30 anos e Manuel Casuso (Xesteiras), coa segunda praza entre os de 40.
Invicta no que vai de temporada no circuíto Transgalaica, a lalinense Tamara Seijas comparou o seu estado de forma co das mellores especialistas do panorama español. O percorrido de 90 quilómetros, con 2.200 metros de desnivel positivo acumulado, completouno na cuarta posición absoluta cun tempo de 5 horas 10 minutos e 31 segundos. A corredora do RG Bikes Scott finalizou a 11:40 da elite catalá Pilar Fernández (ISB), a 13:45 da máster-40 británica Sophie Johnson e cedeu 25 minutos respecto á indiscutible gañadora, a elite andaluza Natalia Fischer (Extremadura Ecopilas). Outras dúas elites galegas, Mar Delgado (Monteneme-Calvo) e Cecilia Abal (Ribadumia), tamén alcanzaron a liña de meta. Remataron na sexta e na 11ª posición da súa categoría, respectivamente.
O vencedor da xeral máster-30 o ano pasado arrancou con triunfo a defensa do título. O tudense Diego Álvarez adxudicouse a vitoria na súa categoría cun rexistro de 4:13:00 e case dous minutos e medio de vantaxe respecto ao segundo clasificado, o andaluz Loren Herrera (Kazajoz). O representante do Podium Team acadou a 13ª posición absoluta, sete postos por diante do segundo máster-40, o santiagués Manuel Casuso. O competidor do Xesteiras, cunha marca de 4:15:05, quedou a 1:56 do manchego Juan Carlos Albertos (Gobik), primeiro no seu grupo de idade.
Unha cuarta presenza do noso XCM no caixón da Jamón Bike estivo a piques de asinala Miguel Ángel Arias (Extol-Zambora.es) nos máster-50. O lucense terminou cuarto a 55 segundos do canario Adriano Cordóves (Loro Parque), quen subiu ao terceiro chanzo do podio.
A Copa de España regresará o Día das Letras Galegas coa estrea da Ruta do Lacón como proba do certame estatal.
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es