13 DE ABRIL DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
O Trofeo Concello do Porriño de Cross Country Olímpico cumpriu este sábado a súa quinta edición e no podio, ademais de trofeos e camisolas de líderes, entregáronse bolas do tradicional Pan do Porriño. Os bikers que mellor amasaron nas carreiras raíñas da terceira xornada da Copa Galicia foron dous especialistas que manteñen unha relación especial con este evento. A sub-23 Aroa Otero (Supermercados Froiz) gañou no seu concello e o elite Saúl López (Academia Postal - Maceda) prolongou a súa hexemonía nun circuíto no que ata o momento é invencible.
O Avanza-O Porriño reuniu na parroquia de Budiño a 600 participantes entre a xornada de XCO e o Mini BTT deste domingo. No seu excepcional traballo como organizador, o club anfitrión ofreceu un circuíto que dá moito xogo. Nese trazado que inaugurou no 2022, só un corredor coñece a vitoria na competición elite e sub-23. Por cuarto ano consecutivo Saúl López impúxose na contorna do Centro Cultural A Forna.
O monfortino non o tivo doado. De saída, o local Alberto Pedreira (Bici Verde) asumiu o mando e ao remate da primeira das oito voltas o home a bater marchaba a 20 segundos do grupo de cabeza. Conectou cos primeiros despois do terceiro xiro e durante dous parciais rodou xunto ao seu compañeiro de equipo Iván Feijoo e Jorge Aguín (Supermercados Froiz). A superioridade numérica neste trío non a desaproveitou o Academia Postal - Maceda, que acabou asinando un dobrete. Saúl López marchouse en solitario para gañar con 15 segundos de marxe, sumar o seu segundo triunfo consecutivo na Copa Galicia e asaltar o liderado elite. Por detrás do vencedor, Feijoo adiantou a Aguín na subida da liña de meta. A máis de 2 minutos concluíu Pedreira na cuarta praza e o top-5 completouno Samuel González (Máis Que Bicis). Sexto e primeiro sub-23 terminou Martín Díaz (XSM).
Durante a quenda de honra tamén se anotaron os triunfos nas súas categorías os líderes júnior, Marcos Rodríguez (Academia Postal- Maceda), e máster-30, Manuel Parada (Xesteiras). Anteriormente conseguira a vitoria cadete Guillermo García (Avanza-O Porriño) no circuíto do seu club e no resto de carreiras dominaron Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas) nos infantís, Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) nos máster-40, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50 e Antonio Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) nos máster-60.
Coa motivación de correr no seu concello, Aroa Otero estreouse na Copa Galicia XCO 2025 e fíxoo acadando un cómodo primeiro posto absoluto. A sub-23 porriñesa avantaxou en case 3 minutos á elite Irene Trabazo (XSM). O terceiro posto correspondeu á nova líder sub-23 Yaiza Vila (Creto Bikes). Ningunha biker coa camisola de primeira na xeral venceu en Budiño. Ao chanzo máis alto do podio subiron Marta Utrera (Armenteira e Punto) nas infantís, Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) nas cadetes, Elba Hermida (Lynalfa-Ponteareas) nas júnior e Beatriz Iglesias (Bici Verde) nas máster-40.
A terceira das dez citas puntuables para o certame autonómico saldouse con cinco cambios de líder. Marta Utrera, Elba Hermida, Yaiza Vila, Irene Trabazo e Saúl López comandan agora as xerais das súas categorías. As camisolas da Copa consérvanas Mateo Hermida, Iris Santana (Coruxo) e Arón Gómez (Coruxo) en Cadete, Marcos Rodríguez, Martín Díaz, Manuel Parada, Beatriz Vicente (Podium Team) e Marcos López (Xesteiras) en Máster-40, Antonio Rodríguez e Manuel Bugallo.
O Avanza-O Porriño adxudicouse a táboa por clubs, co XSM segundo e o Xesteiras terceiro, e o trofeo de mellor equipo de xornada recibiuno no colofón da entrega de premios que contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo; dos concelleiros Marcos Martínez e Beli Alonso; de Manuel Alonso e Ángel Lemos en representación da Comunidade de Montes de Budiño; de varios directivos da A.D. Avanza; e de Óscar Sánchez, vicepresidente da Federación Ciclismo Galego (FCG).
A Copa Galicia regresará o sábado 26 de abril en Samieira. Toda a información sobre esta competición coordinada pola FCG podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es