Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lara Lois e Iván Feijoo vístense de líderes elite da Copa Galicia XCO en Samieira

28 DE ABRIL DE 2025

O Cambre foi o mellor equipo na cuarta cita do calendario

Lara-Lois-e-Ivan-Feijoo-vistense-de-lideres-elite-da-Copa-Galicia-XCO-en-Samieira

Fotos: Luz Iglesias

Un circuíto histórico do noso Cross Country Olímpico resucitou o ano pasado e este sábado celebrou a segunda edición da súa nova etapa. O II XCO Samieira puxo a proba a resistencia e a habilidade de 200 bikers na cuarta xornada puntuable para a Copa Galicia. Nun trazado cunha esixente subida, co paso por unha calzada romana e cunha das baixadas máis técnicas a nivel autonómico, Lara Lois (RG Bikes) e Iván Feijoo (Academia Posta-Maceda) situáronse como novos líderes elite logo de senllas exhibicións.

Grazas ao traballo realizado polos membro do Club Ciclista Samieira, no concello pontevedrés de Poio puido verse en acción nas quenda raíña a dous dos mellores especialistas galegos da última década. O allarizao Iván Feijoo protagonizou un monólogo dende a primeira das nove voltas para recuperar a camisola de líder elite que cedera despois da primeira xornada. Nunha proba moi longa, tivo que pedalear durante 1 hora 45 minutos e 38 segundos. A revelación da xornada, Jorge Pérez (Avanza-O Porriño), acadou a segunda praza absoluta a 4 minutos do corredor do Academia Postal - Maceda e impúxose entre os sub-23 con máis dun minuto e medio de marxe sobre Adrián Caamaño (Extol-Zambora). O top-5 completárono o sub-23 Denis González e o elite Luis Fernández Oliveira, dous representantes do Avanza-O Porriño que rodaron xuntos durante a maior parte da carreira. 

imagen

A proba júnior ofreceu un man a man pola vitoria que Martín Rodríguez (Máster da Louriña) decantou ao seu favor na última volta ante Néstor Frías (Cortizo). Os triunfos masculinos no resto de categorías corresponderon de xeito incontestable a Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas) nos infantís, a Guillermo García (Avanza-O Porriño) nos cadetes, a Manuel Parada (Xesteiras) nos máster-30, a Marcos López (Xesteiras) nos máster-40, a Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50 e a Manuel Bugallo (Biciosos Rías Baixas) nos máster-60. 

A gran atracción no apartado feminino era a presenza en Samieira da campioa de España no 2023. A grovense Lara Lois debutou na Copa Galicia desta campaña realizando un esforzo en solitario de 1 hora 9 minutos e 9 segundos. A nova líder da xeral elite encabezou a clasificación absoluta seguida por tres sub-23: Aroa Otero (Supermercados Froiz), María Filgueiras (XSM) e Yaiza Vila (Creto Bikes), segunda, terceira e cuarta, respectivamente. 

Lucindo a camisola da Copa Galicia, reencontráronse co triunfo a cadete Iris Santana (Coruxo) e a máster-40 Beatriz Vicente (Podium Team). Ao máis alto do podio tamén subiu Carolina Díez (Creto Bikes) nas máster-30. Pola súa banda, o Cambre logrou dúas vitorias, coa infantil Lara Fernández e a júnior Xiana Coira, que apuntalaron o seu triunfo na táboa por equipos. 

imagen

Os rankings do certame coordinado pola FCG rexistran catro cambios de líderes. Ademais de Lara Lois e Iván Feijoo, asumiron o primeiro posto das súas categorías a infantil Lara Fernández e a máster-30 Carolina Díez. Os maillots da Copa consérvanos Mateo Hermida nos infantís, Iris Santana e Arón Gómez (Coruxo) en Cadete, Elba Hermida (Lynalfa-Ponteareas) e Marcos Rodríguez (Academia Postal-Maceda) en Júnior, Yaiza Vila e Martín Díaz (XSM) en Sub-23, Manuel Parada en Máster-30, Beatriz Vicente e Marcos López en Máster-40, Antonio Rodríguez en Máster-50 e Manuel Bugallo en Máster-60.

Os premios na cerimonia de podio entregáronos Ángel Moldes, alcalde de Poio; Tucho Muíños, concelleiro de Deportes; Manuel Domínguez, concelleiro de Medioambiente; Juan Taboada, xerente de ElectroCovelo; Fernando Fontán, xerente de Agromecánica Fontán; Nacho Uhía, presidente do Club Ciclista Samieira; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG. 

imagen

As Pontes acollerá este vindeiro sábado, 3 de maio, o quinto evento da Copa Galicia. Toda a información sobre esta competición podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

Clasificación

 

GALERÍA DE FOTOS

Lara Lois e Iván Feijoo vístense de líderes elite da Copa Galicia XCO en Samieira
Lara Lois e Iván Feijoo vístense de líderes elite da Copa Galicia XCO en Samieira
Lara Lois e Iván Feijoo vístense de líderes elite da Copa Galicia XCO en Samieira
Lara Lois e Iván Feijoo vístense de líderes elite da Copa Galicia XCO en Samieira
Lara Lois e Iván Feijoo vístense de líderes elite da Copa Galicia XCO en Samieira
Lara Lois e Iván Feijoo vístense de líderes elite da Copa Galicia XCO en Samieira
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es