Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Tomás Pombo remata coa seca de podios galegos na Copa de España Júnior de Estrada

27 DE FEBRERO DE 2024

O carballés do Padronés-Cortizo conseguiu a terceira posición no Circuito Guadiana

Tomas-Pombo-remata-coa-seca-de-podios-galegos-na-Copa-de-Espana-Junior-de-Estrada

Foto: Circuito Guadiana

Dende agosto do 2017, cando Guillermo García fixo segundo no Trofeo Ayuntamiento de Peñafiel, un corredor galego non pisaba o podio da Copa de España Júnior de Estrada. Esa seca impediu o pasado sábado Tomás Pombo que chegara aos sete anos. O cicista carballés do Padronés-Cortizo obtivo a terceira posición no Circuito Guadiana, a proba inaugural deste certame no 2024. 

Nun percorrido de 120 quilómetros con saída e chegada na localidade pacense de Don Benito, o pupilo de Jesús Rodríguez Carballido xogouse o terceiro posto na recta final co valenciano Héctor Álvarez (Lucta) e co vasco Marco Martín (Baqué Team). Tomás Pombo impuxo a súa punta de velocidade e encabezou un trío que cruzou a liña de meta a 15 segundos do andaluz Juan José López (Valverde Team) e a 48" do valenciano Enrique Maranchón, que lle outorgou o triunfo á formación galega do Picusa Academy na súa estrea na Copa de España. O conxunto porriñés tamén se anotou a vitoria por equipos. 

O podio do corredor de Carballo, de segundo ano na categoría, súmase á vitoria acadada a fin de semana anterior na xeral da Challenge Vuelta Ciclista a Extremadura. A Copa de España Júnior Cofidis consta esta temporada de seis carreiras puntuables e a seguinte chegará o 20 de abril en La Canonja (Tarragona). 

O Circuito Guadiana tamén deu inicio un día despois á Copa de España Elite e Sub-23 con máis alegrías para o Padronés-Cortizo. A escuadra coruñesa venceu por medio do elite checo Vojtech Kminek, apuntouse o terceiro posto e a vitoria sub-23 co balear Francesc Bennassar, a cuarta posición co sub-23 castelanleonés Daniel Cavia e dominou a táboa por equipos. Esta competición continuará o próximo domingo en Alcantarilla (Región de Murcia) co Trofeo Guerrita e as súas dúas últimas xornadas disputaranse o 18 e o 19 de maio en Galicia

Taça de Portugal

Outros resultados sobranceiros para o ciclismo galego de estrada rexistráronse durante a fin de semana nas dúas primeiras citas da Taça de Portugal de Esperanças, circuíto aberto a corredores juniors e sub-23. O porriñés Sergio Lorenzo (High Level - Gsport) asinou a cuarta praza absoluta e sub-23 o sábado en Vila Velha de Ródão, onde o Padronés-Cortizo fíxose co triunfo grazas ao balear Marc Torres, e o domingo o pontevedrés Iván Belmonte (High Level - Gsport) clasificouse sexto absoluto e sub-23 en Sertã. Nesta última carreira, o Picusa-Academy volveu subir ao máis alto do caixón con Enrique Maranchón, o mellor júnior. 

Máis información Copa de España

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es